segunda-feira, 29 de setembro de 2008

14 estrelas de mar.


(Imaxe: Fondo do mar cheo de estrelas de cores. Ilustración de Miguel A. Prado).

Este curso somos 14 nenos e nenas na aula de Educación Infantil de 4 anos B. Foise Antonio, un compañeiro que marchou para outro colexio e que dende aqui lle desexamos o mellor. O ano pasado o noso caderno era Os días de cores (1). Non sabemos que vai pasar este curso, pero tampouco temos a necesidade de sabelo, se todo estivera programado ó milímetro seriamos robots, e nós queremos seguir sendo nenos e nenas. Este curso o noso caderno na rede chámase Sereas sen cadeas, as veces as cadeas son invisibles ós ollos de quen non as quere ver: as cadeas son posesións alleas, non te deixan respirar,...e o peor de todo é cando chega a resignación de levalas arrastrando toda a vida. Nós queremos aprender a miralas e rachalas, cuestionar a quen nos persigue con elas: as cadeas están feitas con eslabóns de inxustizas. Benvidas Sereas de Sálvora á nosa escola, á nosa aula, ó noso espazo.
Ligazóns relacionadas:

sexta-feira, 12 de setembro de 2008

Sereas sen cadeas en Aguiño.

(Imaxe: Serea mergullada no mar con peixiños e unha estrela vermella no cabelo. Ilustración de Miguel A. Prado).

...E de novo chega Setembro. Tódolos anos as sereas de Galiza son convidadas a un mar para aprender dos nenos e das nenas do seu país. Só dos nenos e nenas, porque aínda son libres no seu pensamento, porque aínda non teñen cadeas nos seus debuxos. Este curso a invitación é no mar de Aguiño. As sereas de Sálvora son as anfitrionas. Son sereas que nos observan a través das ventás pintadas da aula, que escoitan as nosas risas e berros impredecibles no patio,...e elas collen apuntamentos na area. Non son as sereas engaioladas dos contos. Elas son felices no mar, cas súas colas teñidas ó seu antollo...elas non soñan con atopar un príncipe azul, nen amarelo, nen verde...elas xogan cas estrelas ceibes e vermellas do mar galego.

Plantilla original blogspot modificada por plantillas blog